Friday 17 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño honrará con música e audiovisual a figura de María Victoria Moreno


As Letras Galegas deste ano están dedicadas a unha das grandes descoñecidas da nosa literatura, a profesora e escritora María Victoria Moreno Márquez. Natural de Estremadura e licenzada en Filoloxía Románica, Moreno chegou a Galicia con tan só 22 anos para exercer como mestra. Non tardou en enchouparse da nosa cultura e da nosa fala como paso previo ao seu salto literario, onde tocou a narrativa -principalmente a infantil e xuvenil-, o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas. Os actos na súa honra en San Sadurniño celebraranse na Casa da Cultura os días 16 e 17 de maio, mentres que en Naraío tamén reivindicarán o sábado 19 a nosa Cultura e as nosas Letras cun marcado protagonismo infantil.

Con motivo desta data, a área de Cultura programou para o mércores 16 na Casa da Cultura -11.30h.- a sesión “Mulleres que contan, María Victoria Moreno e outras”. Un espectáculo escénico e interactivo dirixido á rapazada de 1º, 2º e 3º de Primaria que repasa o papel feminino na literatura galega deténdose na figura da homenaxeada deste ano.

O acto principal das Letras será o propio 17 de maio -Casa da Cultura, 18.30h.- centrado no descubrimento da autora e na música, que soará na Casa da Cultura gracias ao alumnado de Ilia Keilin e o da escola municipal de gaitas, que farán nesa tarde cadanseu pase con pezas clásicas e tradicionais. A xornada finalizará coa proxección da breve peza documental “María Victoria Moreno Márquez – Letras Galegas 2018”, producida pola Asociación Cultural Millo. Os directores do audiovisual asistirán ao acto e manterán un pequeno coloquio con quen queira saber máis sobre a escritora.

II Encontro infantil de Cantares tradicionais
Pola súa banda, a asociación veciñal O Castelo de Narahío tamén programou co gallo das Letras Galegas un evento que pon en valor a oralidade e a música tradicional como vehículos de transmisión e difusión da cultura.

En colaboración coa Rapazada do Saíme -o grupo vocal de nenas e nenos nacido nas escolas municipais de música tradicional- a asociación ofrecerá por segundo ano un encontro no que tamén participará o alumnado máis pequeno das escolas do Padroado da Cultura do Concello de Narón e o da agrupación cultural Airiños dos Carrís, de Cerdido.

O II Encontro infantil de Cantares tradicionais terá lugar no local social da Veiga o sábado 19 a partir das 18.30h.